Ás 13.05 horas deste sábado rexistrábase un incendio na rúa Rosalía de Castro, nun solar contiguo ao aparcamento disuasorio de Mollabao. Non se produciron danos persoais.
Os bombeiros de Pontevedra sufocaron o lume nun vello furgón de camión que un indixente utiliza como vivenda.
Este remolque atópase pegado a un cañaveral e está rodeado dunha entulleira ilegal no que se acumulan mobles, electrodomésticos e todo tipo de aveños. Unha circunstancia que complicou os labores de extinción do lume.
As chamas provocaron unha negra fumareda que xerou unha gran alarma entre os feirantes que están acampados coas súas caravanas no aparcamento de Mollabao con motivo das Festas da Peregrina. Este fume era visible desde distintos puntos da cidade.
A Policía Local puido comprobar que o causante do lume é un vello coñecido na cidade ao ser o responsable doutros moitos incendios nesta mesma rúa Rosalía de Castro, onde estivo a ocupar un dos arcos da ponte do río Gafos e outros solares, nos que tamén orixinou sucesivos lumes.
Nesta ocasión explicou que o lume se lle descontroló cando preparaba a comida.