'Suma na escola' achegará o deporte inclusivo ao alumnado

Pontevedra
04 de novembro 2022

A iniciativa vai desenvolverse entre o 16 de novembro e o 20 de decembro en escolas deportivas de 18 concellos da provincia. Carmela Silva, presidenta da Deputación, explicou que a proposta ofrece a posibilidade de que os escolares sen dificultades de mobilidade poidan comprobar como se realiza deporte nunha cadeira de rodas

Carmela Silva, presidenta da Deputación, presenta 'Suma na Escola'
Carmela Silva, presidenta da Deputación, presenta 'Suma na Escola' / Deputación de Pontevedra

Desde o 16 de novembro ata o 20 de decembro, as escolas deportivas de 18 municipios da provincia formarán parte do programa 'Suma na escola', unha iniciativa da Deputación que busca achegar o deporte inclusivo aos escolares e ao resto da cidadanía para dar visibilidade á poboación con dificultades de mobilidade.

O programa, presentado por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, consta de tres actividades. 'Suma na Escola+', unhas xornadas de deporte inclusivo na rúa e a elaboración dun vídeo final coas propostas de actividade realizadas.

'Suma na Escola+' propón a práctica de deporte inverso, que permitirá que o alumnado interiorice as dificultades que experimentan as persoas con diversidade funcional ao realizar actividades deportivas con instrumentos como cadeiras de rodas. Realizarán atletismo adaptado, judo adaptado e loita adaptada para que vivan en primeira persoa a súa práctica.

As xornadas de deporte inclusivo na rúa levará o lema "Iguais no deporte' e poñerase en práctica na avenida de Montero Ríos de Pontevedra, ante o edificio da institución provincial. A proposta ofrecerá ás persoas interesadas en participar a posibilidade de realizar prácticas de deporte adaptado. Contará coa colaboración dos institutos de ensino secundario Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra.

"Queremos, como así indica a Axenda 2030, difundir unha aposta clara polo dereito de todas as persoas a participar no deporte, particularmente aquelas con diversidade funcional", explicou a presidenta provincial durante a presentación.