O Surfing the Lérez clausura a súa edición máis vibrante

Pontevedra
08 de xuño 2025
Actualizado: 12:36

O festival culminou este sábado cunha exitosa segunda xornada, que vibrou coas actuacións musicais de Alba Reche, Ángel Stanich, Arizona Baby e Grande Amore, entre outros

Surfing the Lérez 2025

A Illa do Covo foi testemuña este fin de semana da exitosa clausura do festival Surfing the Lérez, que no seu segundo e último día fixo vibrar a miles de asistentes.

Con catro escenarios diferentes e máis de 120 persoas traballando na organización, o festival, sen dúbida, superou o éxito de pasadas edicións, con outro cheo total e actuacións que non deixaron indiferente a ninguén.

A xornada arrincou con forza ás 13:00 horas co grupo Liorta, do que forma parte o triatleta Javier Gómez Noya. Despois, Ortiga volveu cativar ao público creando unha auténtica festa.

A mañá tamén contou coa presenza de artistas como Capital Voskov, Bea Fernandes, Portrait e Boyanka Kostova.

Xa pola tarde, desde as 17:00 horas, chegou a quenda de Trashi, Dj Amable, Jarabo, As Dianas, Melifluo, Señora DJ, Karavaba, Dj Diñeiro e Santi Araújo, que prepararon o ambiente para o que estaba por vir coas cabezas de cartel.

Alba Reche, Ángel Stanich, Arizona Baby e Grande Amore deixaron pegada nun público entregado que non deixou de bailar até pasadas as 3:00 horas, cando Cora Yako, BB Wav B2b Elba, Levitantis, Grima e Gorllitox puxeron fin a outro exitoso Surfing the Lérez.

Máis aló da música, o evento consolidou a súa reputación como unha gran celebración comunitaria ao aire libre, marcada por un ambiente familiar e a solidariedade, mantendo o seu compromiso coa tradicional recollida de alimentos en colaboración con Rede Axuda.