Suspenden ata marzo as obras para renovar o firme na autovía do Salnés

O Salnés
22 de novembro 2019

Segundo confirmou a Xunta de Galicia, non se retomarán ata marzo de 2020. A chuvia e as baixas temperaturas están a impedir unha boa execución dos traballos, cuxo resultado está moi condicionado pola humidade e as temperaturas

Autovía do Salnés no enlace con Ribadumia
Autovía do Salnés no enlace con Ribadumia

As adversas condicións meteorolóxicas obrigaron a suspender temporalmente os traballos de renovación do firme da autovía do Salnés que, segundo confirmou a Xunta de Galicia, non se retomarán ata marzo de 2020.

A chuvia e as baixas temperaturas están a impedir unha boa execución dos traballos, cuxo resultado está moi condicionado pola humidade e as temperaturas.

Trátase do estendido da nova capa de rodadura, que inclúe a súa aplicación en toda a lonxitude da autovía e nos ramais de enlace, e que se estenden a calzada completa para evitar a formación de xuntas lonxitudinais na mesma

A magnitude desta intervención fixo considerar necesario pospoñer o remate das obras para garantir a súa calidade e resultado. Nestes momentos, están executadas ao 65%. 

As obras, ata o de agora, desenvolvéronse sen ningún problema relevante de tráfico durante a súa execución, máis alá das propias deste tipo de intervencións nas que se fai necesario desvíos alternativos e cortes puntuais informados con antelación.