A Audiencia de Pontevedra suspendeu o xuízo previsto para este martes a un veciño de Bueu e residente en Marín acusado de violar, agredir e roubar a unha muller de 75 de anos.
O tribunal decidiu a suspensión da vista despois de que un dos avogados avisase á primeira hora da mañá de que tiña algo de febre. Esta circunstancia activou os protocolos de seguridade diante dun posible caso de covid-19 e inmediatamente avisouse ao resto das partes.
O xuízo volveu a sinalarse para os días 9, 10 e 11 de marzo.
O acusado tamén fora conducido ata a Audiencia de Pontevedra desde a prisión da Lama onde se atopa ingresado desde o momento da súa detención, en novembro de 2017.
A Fiscalía pide que este home sexa condenado a quince anos de cárcere por agresión sexual, dous anos por un delito de lesións e catro anos por un delito de roubo con violencia.
Tamén reclama unha indemnización superior aos 8.000 euros polas lesións causadas e as secuelas psicofísicas que provocou na vítima, ademais da devolución dos 1.250 euros que roubou.
Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público os feitos que se van a xulgar na Sección Segunda da Audiencia Provincial tiveron lugar na madrugada do 3 ao 4 de marzo de 2017 na vivenda da muller, na localidade pontevedresa de Bueu.
O relato da Fiscalía apunta que o acusado, tras fracturar os cristais e os barrotes da porta traseira da vivenda da vítima, subiu polas escaleiras e entrou na habitación na que esta durmía. A muller, que vivía soa no domicilio, viuse sorprendida polo seu asaltante, que vestía roupa escura e ía tapado por un pasamontañas, cando o home acendeu a luz da habitación.
Tras sacarlle o pixama á forza e pegarlle cinta illante na boca e na cabeza, o acusado tapoulle a cara coa roupa da cama e atouna de mans e pés, segundo explica o fiscal, para a continuación agredila en reiteradas ocasións e violala.
Antes de irse, o agresor colleu os 1.250 euros que a muller tiña no seu bolso e, para evitar que esta pedise auxilio de inmediato, tirou o seu teléfono móbil ao lixo e abandonou a vivenda tras cortar a cinta coa que atara á muller polos nocellos.