A Xunta de Galicia decidiu suspender as clases este martes 29 de abril en todos os centros educativos da comunidade a causa do apagamento xeneralizado que sofre España desde o mediodía deste luns.
A medida foi comunicada nunha comparecencia extraordinaria polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, na que fixo un chamamento á calma e pediu "sentidiño" á cidadanía.
A suspensión das clases afectará tamén ás escolas infantís e aos centros de día.
Tómase esta decisión para tratar de limitar o máximo posible os desprazamentos e con iso aforrar ademais carburante, debido ao alto número de autobuses escolares que ofrecen este servizo a diario.
Rueda asegurou en todo caso que os servizos básicos seguirán funcionando con normalidade.
Tamén seguirán abertos todos os centros sanitarios, aínda que o presidente da Xunta pediu á poboación un uso racional dos mesmos.
Xunto á suspensión das clases, suspendeuse ademais toda a actividade deportiva federada en Galicia.