Suspensión "in extremis" do proceso de estabilización do persoal do Concello de Sanxenxo

Sanxenxo
14 de outubro 2023

Paula Martínez, concelleira de Persoal, recoñeceu ante os representantes sindicais que se detectaron anomalías no proceso e, ante o temor a reclamacións no futuro, adoptouse esta medida de estabilización das prazas para dar seguridade xurídica

Nauta de Sanxenxo Concello de Sanxenxo

A primeira hora da mañá deste venres, Paula Martínez, concelleira de Persoal en Sanxenxo, convocaba de maneira urxente aos representantes sindicais do Concello para anunciar que se suspendía de maneira temporal o proceso de estabilización iniciado no municipio.

Segundo manifestou neste encontro, o motivo desta suspensión "in extremis" atópase en que se detectaron "anomalías" no proceso. Para evitar reclamacións futuros que causen problemas na estabilización das prazas, o goberno local decidiu suspender este procedemento ata novo aviso.

Paula Martínez anunciou que o obxectivo é dotar de seguridade xurídica ás persoas aspirantes e por este motivo realizarase unha revisión e solicitaranse informes técnicos para que o proceso se execute "con garantía e seguridade".

Este sistema de estabilización busca, segundo o Concello, unha redución da temporalidade actual nos postos estruturais do municipio.

Segundo indican desde o Concello, o goberno local actuou con "total transparencia" comunicando a decisión antes de que se celebrase o primeiro exame previsto para o luns 16 de outubro. 

A suspensión afecta inicialmente a 89 persoas que traballan no Concello e tamén aos procesos previstos nos organismos autónomos Terra de Sanxenxo, con 65 traballadores; Turismo de Sanxenxo, con 23; e Nauta de Sanxenxo, con 17.

O BNG CRITICA UNHA "CHAPUZA SEN PRECEDENTES"

Desde o BNG tildan de "chapuza sen precedentes" esta decisión do goberno local de suspender o proceso de estabilización do persoal municipal a apenas tres días vista da celebración do exame, alegando ter atopado posibles anomalías.

"É inaudito que se tome unha decisión desta magnitude a tan poucos días da realización da proba. Esta é unha nova mostra da pésima xestión do señor Telmo Martín", sinalou Fran Leiro.

Advirte de que esta medida afecta a centos de persoas "que levan moito tempo preparándose para presentarse ao proceso, agora suspendido" e o que se consigue "é xerar desconfianza cara un proceso que debería ser serio e xusto".