Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que sufocar un conato de incendio declarado na rúa Augusto García Sánchez minutos antes das 21:00 horas do domingo.
O lume en cuestión iniciouse no colchón dunha persoa sen fogar dentro dun baixo, na citada rúa, que se encontra en estrutura dende hai anos e coa única protección dun valo de obra.
A rapidez na actuación dos bombeiros, acompañados por efectivos de Policía Local, Protección Civil e Policía Nacional que se achegaron ao lugar, evitou que se propagasen as chamas e se producisen danos no edificio. A pesar diso os veciños baixaron á rúa alarmados polo fume e o despregamento dos efectivos de emerxencia.
Non obstante, a pesar da escasa gravidade do suceso, os veciños mostraron as súas queixas ante a situación do baixo incendiado, en mal estado e usado habitualmente por persoas sen fogar.
Estes veciños aseguran ter trasladado hai pouco a súa inquietude ao Concello de Pontevedra a través dun escrito ao non ter logrado que o propietario axeitase o lugar.