Coa idea de probar e descubrir novas afeccións, ademais de compartir tempo de lecer de maneira social con outras persoas, o Concello de Poio pon en marcha o programa 'Cóllelle o gusto'.
As propostas consisten nun obradoiro de crear cadros naturais con follas nun curso que se desenvolverá o venres 23 de febreiro en horario de tarde.
En marzo realizaranse flores con diferentes materiais como cartolinas, gomaeva ou fieltrina. Será o venres 22, entre as 17.00 e as 21.00 horas.
A proposta para o 26 de abril, tamén en horario de tarde, consistirá en crear colgantes, brazaletes, broches, pendentes, pulseiras e outras pezas de bixutería con zipper, cremalleiras.
Por último, está previsto un obradoiro en maio destinado en aprender tapicería. Todas as sesións celebraranse na Casa Rosada.
A concellería de Benestar e Igualdade indica que o prazo para inscribirse nesta iniciativa gratuíta permanece aberto no Pazo Besada ata completar o número de prazas.
Tamén continúan en funcionamento os talleres Saudemente, que se destinan a persoas maiores de 60 anos e que se organizan polas diferentes parroquias de Poio coa intervención de 120 persoas. Ángel Moldes, alcalde do municipio, visitou o que se desenvolvía na Casa Rosada con actividades de memoria e de ximnasia.