Talleres gratuítos para autónomos, emprendedores e pemes coa plataforma #Pontelovers

Pontevedra
08 de xullo 2020

Os obradoiros contan co financiamento da Concellería de Promoción Económica e Turismo e centraranse en temáticas como identidade e marketing visual, uso de certificado dixital, inglés e atención ao cliente, deseño e creación de packaging ou protección de datos

Talleres gratuítos da plataforma #Pontelovers e APE-Galicia
Talleres gratuítos da plataforma #Pontelovers e APE-Galicia / Concello de Pontevedra

A plataforma #Pontelovers e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE) organizan un programa de talleres gratuítos destinados a autónomos, emprendedores e pemes.

Os obradoiros contan co financiamento da Concellería de Promoción Económica e Turismo e levan por título: Identidade e Marketing Visual, Inglés e Atención ao Cliente, Facilita 2.0 RGPD, Aprende a Emprender, Uso de Certificado Dixital, Empaqueta-2, Atención ao Cliente e Calidade de Servizo e Colle o Relevo-Plan Repensa.

O presidente de APE, José Ramón Caldas, explica que os cursos poderán seguirse "de xeito telemático (online) ou presencial, cos correspondentes protocolos de prevención e seguridade contra a Covid-19", xa que haberá a posibilidade dunha fórmula mixta de seguimento das aulas.

A Asociación de Autónomos xa está a facer chegar aos negocios de Pontevedra un boletín de inscrición que permitirá determinar cales son horarios máis axeitados para impartilos. As inscricións poden facerse a través da páxina webapegalicia.gal.

En opinión da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, este tipo de formación "ten nestes momentos unha importancia crucial, xa que nos atopamos nun punto de inflexión transcendental para o futuro do pequeno comercio e os autónomos". "Estes talleres poden axudalos a diferenciarse, fidelizar ao seus clientes obxectivo, ter o seu propio ADN de empresa, especializarse, mellorar a súa loxística e avanzar tecnoloxicamente, por suposto ao tempo que manteñen valores como a proximidade e a tradición da zona xeográfica", engade a edil do PSOE.

O taller de Inglés e Atención ao Cliente terá 40 horas de duración e estará centrado en Inglés práctico para hostalería e comercio; o de Identidade e Marketing Visual será de 20 horas e incluirá titorías de deseño de negocio; o de Uso de Certificado Dixital, de catro horas, explicará como solicitar, instalar e usar o certificado; mentres que o titulado Facilita 2.0 RGPD, de seis horas, versará sobre o coñecemento e aplicación da normativa de protección de datos de carácter persoal.

A través do obradoiro Aprende a Emprender, de dez horas, facilitarase información para empezar un proxecto con bo pé; o de Empaqueta-2, de catro horas, desenvolverá nocións sobre deseño e creación de packaging; o de Atención ao Cliente e Calidade de Servizo, de seis horas, contempla unha titoría sobre atención ao cliente e servizos postvenda; e o que leva por título Colle o Relevo-Plan Repensa, de seis horas, abordará as oportunidades de emprender mediante o relevo xeracional a través do Plan Repensa do Concello de Pontevedra.