'Tan bueno como tú' de Gabriel Viñal vence en Debut 2023 dignificando o espazo do home homosexual

Pontevedra
24 de novembro 2023

O desfile, promovido polo Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda en Pontevedra, desenvolveuse durante a noite do venres no Recinto Feiral do Pazo da Cultura. O xurado tamén premiou as coleccións de Wêdyla Rodrigues e Carolina Bouza

Gabriel Viñal triunfa no Desfile Debut 2023
Gabriel Viñal triunfa no Desfile Debut 2023 / Mónica Patxot

Gabriel Viñal lograba o primeiro premio do desfile Debut 2023 coa súa colección 'Tan bueno como tú', unha proposta que recolle a representación do home homosexual, desde finais da década dos setenta ata o fin do milenio coa intención de "recoñecer e dignificar os espazos e as linguaxes que foron dos homosexuais, por sorte ou porque lles tocou", indicaba este venres o gañador durante o acto que se desenvolvía no Recinto Feiral do Pazo da Cultura.

Debut 2023, o desfile coordinado por Lola Dopico en que o alumnado titulado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda de Pontevedra presentan os seus proxectos de fin de estudos, volveu ser un éxito de público e de propostas orixinais.

O Premio Debut desta edición destinado ao deseño e creatividade era outorgado pola Fundación Bimba e Lola cunha dotación económica de 5.000 euros.

O xurado tamén premiou os proxectos de Wêdyla Rodrigues e Carolina Bouza. Na primeira destas coleccións titulada 'Dávida' con deseños inspirados en pobos indíxenas de Brasil, premiábase o valor artesanal, cunha dotación de 1.700 euros dotados pola Fundación Artesanía de Galicia e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

A colección de Bouza gañaba o premio Alma Atlántica, que promove Bodegas Martín Codax cunha dotación de 1.000 euros. O título da proposta é 'Sueño, vigilia', que se inspira na novela 'A outra parte', de Alfred Kubin.

Ao longo da noite, o público puido gozar dunha trintena de coleccións. Ao acto asistían Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais no campus de Pontevedra; e Marcos Dopico, decano comisario da Facultade de Deseño, entre outros representantes institucionais. 

Ao longo de toda a semana realizáronse actividades de formación para os estudantes de moda co obxectivo de explorar novos formatos e buscar a súa integración no mercado laboral con entrevistas con responsables de empresas do sector como Inditex, Purificación García, Adolfo Domínguez ou Parfois.