TapeaPoio entra na súa recta final convertido xa nun dos grandes reclamos gastronómicos desta primavera no municipio.
A terceira edición do certame continuará ata o domingo 17 cun balance máis que positivo, tanto pola resposta do público como pola implicación dos 23 establecementos participantes, que ofrecen un total de 28 tapas elaboradas.
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, destacou estes días a excelente acollida da iniciativa, que está superando incluso os rexistros das edicións anteriores.
Cochón indicou que desde o primeiro día a organización do certame está a recibir unha resposta moi positiva.
"Hai ambiente a todas horas e moita xente está aproveitando para descubrir locais novos", sinalou durante a súa rolda de visitas polos negocios adheridos.
O certame está a servir tamén como impulso para a hostalaría local nun mes que adoita ser máis complicado para o sector.
Segundo Cochón, moitos visitantes chegan a Poio atraídos polas tapas e acaban coñecendo a oferta gastronómica e turística do municipio.
O éxito tamén se deixa notar na web oficial de TapeaPoio, que suma xa preto de 2.500 visitas desde o inicio da ruta.
A plataforma permite consultar horarios, localizar os locais participantes ou crear rutas personalizadas para non perder ningunha proposta culinaria.
A partir do luns 18 realizarase o reconto das votacións do público e o sorteo dos premios, entre os que figuran menús degustación, estadías, actividades turísticas e lotes de produtos.
Un xurado especializado integrado por chefs de referencia como Pepe Solla e Xosé Cannas escollerá as mellores tapas do certame antes da celebración da III Gala da Hostalaría de Poio, prevista para o 8 de xuño.