"Tarde piaches" contesta Lores a Louzán ante a súa insistencia de pacto na Deputación

Pontevedra
09 de xuño 2015

Louzán dixo que está prevista unha reunión co BNG, aínda que precisou que este encontro estará destinado a coordinar a constitución da próxima corporación, pero o líder popular aproveitará para poñer sobre a mesa a súa proposta de pacto cos nacionalistas. Louzán ve asumible o programa de mínimos que o BNG propuxo os socialistas. O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, contestou cun lacónico "tarde piaches"

Rafael Louzán, presidente da Deputación e do PP provincial
Rafael Louzán, presidente da Deputación e do PP provincial / Mónica Patxot

O actual presidente da Deputación de Pontevedra e do Partido Popular provincial, Rafael Louzán, agradeceu ao Bloque Nacionalista Galego que "ofreza un pacto de goberno", tras a presentación do acordo de mínimos que o deputado nacionalista César Mosquera presentou este luns á prensa, e que en principio estaba dirixido ao PSOE. O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse este martes á insistencia de Rafael Louzán cun lacónico "tarde piaches".

"Nós entendemos que era unha oferta para todos", puntualizou Louzán quen reivindicou ao Partido Popular como "a forza que ten a lexitimidade" para reunirse con outros partidos políticos co propósito de gobernar na futura corporación.

Louzán dixo que está prevista unha reunión co BNG, aínda que precisou que este encontro estará destinado a coordinar a constitución da próxima corporación, pero o líder popular aproveitará para poñer sobre a mesa a súa proposta de pacto cos nacionalistas.

Rafael Louzán ve asumibles as "liñas vermellas" que figuran no documento presentado polo Bloque, do que dixo que, "apoia o que xa se viña facendo en parte" na Deputación e que outras só achegan "un novo modo" de afrontar a xestión, como por exemplo, crear novos órganos de control. "Hai que ir nese camiño", indicou Louzán.

Outras propostas de BNG como a creación de fórmulas de participación, ou de órganos de consultoría e xestión en Turismo Rías Baixas e no Museo "estamos contentos coa forma actual de traballar", aínda que abriu as portas a "replantearse este tema".

COMPARACIÓN CON ANDALUCÍA

Rafael Louzán mostrouse especialmente molesto polas declaracións do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, que acusou a Louzán de "mendigar" o goberno da Deputación coa súa insistencia en dialogar co BNG.

O mandatario popular dixo que "o PP está lexitimado para gobernar e se nós mendigamos, tamén mendiga a socialista Susana Díaz para lograr a presidencia en Andalucía".