Tarragona agarda por unha histórica barca de salvamento construída no Grove

O Salnés
03 de xuño 2021

A nave foi construída para o Ajuntament de Calafell nas instalacións do estaleiro grovense dos irmáns Garrido dende onde partiu este xoves para o seu destino na provincia de Tarragona

O Francisco Gorostidi é un bote salvavidas modelo Beeching Peake
O Francisco Gorostidi é un bote salvavidas modelo Beeching Peake / Astilleros Garrido

O Francisco Gorostidi é un bote salvavidas modelo Beeching Peake, deseñado en 1850 para o rescate marítimo. Fixo a súa proba de mar na xornada do martes e xa foi cargado nun transporte por estrada que o levará dende as instalacións do estaleiro grovense dos irmáns Garrido ata augas do Mediterráneo.

Concretamente viaxará ata o Ajuntament de Calafell, onde substituirá ao bote centenario do que dispoñía a localidade como nova xoia do seu patrimonio marítimo histórico sendo exposto e realizando exhibicións no mar.

Despois de gañar a convocatoria deste concello catalán, Astilleros Garrido comezou en novembro os traballos para a construción desta embarcación de 10 metros de eslora, practicamente inafundible e auto-adrizante.

Con esta finalidade esta carpintería de ribeira presentou melloras construtivas ao proxecto a fin de reducir o mantemento do bote, así como facilitar a súa conservación e mantemento, como pode ser o casco de madeira laminada en tres forros.