O alumnado de 6º de primaria dos centros educativos de Poio asistiu esta semana a unha singular charla teatralizada no centro cultural Xaime Illa de Raxó, enmarcada na campaña municipal "Quen é o agresor? Que a vergoña cambie de lado".
A obra "Consentimento cunha cunca de...", estreada pola consultoría cultural Imaxina, presenta diferentes escenas nas que se amosan situacións cotiás de manipulación e coacción entre mozos e mozas.
O espectáculo sensibiliza o público ao poñer o foco nas distintas formas de persuasión e as reaccións emocionais das rapazas ante estas situacións.
A concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, subliñou a importancia de manter un traballo constante na prevención da violencia machista.
"É preciso e necesario traballar de xeito permanente en previr e alertar sobre esta lacra social", manifestou a edil, quen destacou a relevancia de dirixirse á mocidade "usando a súa linguaxe e os seus recursos".
A iniciativa, que forma parte dunha campaña máis ampla do Concello de Poio, busca concienciar sobre a responsabilidade exclusiva dos agresores en calquera tipo de violencia sexual e machista.
O obxectivo principal é proporcionar ferramentas para identificar e frear posibles agresións, ademais de promover a reflexión sobre o consentimento e o respecto nas relacións interpersoais.
A actividade desenvolveuse en colaboración cos centros de ensino, unha alianza que, segundo Torres, resulta "imprescindible para mudar estes comportamentos e evitar a violencia sexual", poñendo especial énfase no traballo preventivo desde idades temperás.