Teatro, monicreques, música e cine ao aire libre no verán cultural de Vilaboa

Vilaboa
09 de xullo 2026

A programación, que se estenderá durante xullo e agosto, arrinca este venres na estrada vella de Paredes coa obra de teatro de rúa 'Abracadaver', da compañía AsSircópatas

Comedia teatral 'Historias para escagarrinarse', da compañía Ghazafelhos Compañía Ghazafelhos

O Verán Cultural 2026 de Vilaboa arranca cunha programación que se estenderá durante xullo e agosto con teatro na rúa, música, comedia, monicrequese cine ao aire libre en distintas parroquias do municipio

A primeira cita será este venres, 10 de xullo, ás 20:00 horas na estrada vella de Paredes, coa obra de teatro de rúa 'Abracadaver', unha proposta fresca e divertida da compañía AsSircópatas.

A programación continuará o domingo 12 de xullo, ás 20:00 horas, no parque infantil da Casa da Cultura de Figueirido, coa actuación musical do Gran Cuarteto da Familia Bocaprier.

O venres 17 de xullo, o campo de festas de Santa Cristina acollerá a comedia teatral 'Historias para escagarrinarse', da compañía Ghazafelhos.

Unha semana despois, o atrio de festas de Bértola será escenario de 'Retrincos de Castelao', de Artefeito, unha montaxe dirixida a maiores de 14 anos que recupera a faceta literaria e crítica do autor.

Xa o venres 31 de xullo, o campo de festas de Postemirón albergará a obra de monicreques 'Costureiriña Bonita', da Cova das Letras, un espectáculo de 50 minutos pensado para o público de todas as idades.

En agosto, a programación retomarase o venres 7 cunha nova sesión de Cine na Rúa no atrio de festas de San Adrián.

Esa mesma xornada, ás 22:00 horas, terá lugar tamén a cita con 'Rondallas' e a peza 'A que soa a ilusión dun pobo?', de Daniel Sáinz Arévalo. Esta proposta pon en valor a tradición musical e o sentimento colectivo das comunidades.