Este martes iniciáronse os traballos de restauración da fonte centenaria de Pazo e o lavadoiro anexo, na parroquia de Santa María, coa firma da acta de reformulo por parte do arquitecto redactor do proxecto e director das obras, Luís Gil Pita, que contou coa presenza do alcalde de Caldas de Reis, concelleiros e veciños do lugar.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, sinalou que esta restauración forma parte do programa municipal Fontes no Camiño, co que xa se restauraron outras cinco fontes históricas.
Os traballos están subvencionados pola Deputación de Pontevedra cunha axuda de 7.000 euros a través do programa de rehabilitación do patrimonio histórico e cultural.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou que con esta restauración "cumprimos cun compromiso adquirido cos veciños de Pazo".
A fonte de Pazo data de 1921 e está incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Caldas de Reis. O seu estilo e a súa factura de cantería é moi similar ao da fonte das Palmeiras, de 1920, e da fonte da Ferrería, que está previsto restaurar tamén nos próximos meses.
Os traballos de restauración, informados favorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, serán desenvolvidos por técnicos especializados e tratarán as diferentes patoloxías que afectan á cantería, á ferrería, ás instalacións hidráulicas e a estanqueidad, devolvendo todo o seu valor ao conxunto da fonte e do lavadoiro.