O presidente de Sogama, Javier Domínguez, recibiu esta mañá a un grupo de técnicos do departamento de residuos da Deputación de Pontevedra interesados en coñecer de primeira man a operativa industrial do complexo medioambiental de Cerceda.
Na súa maioría, formaban parte do servizo de inspección, vixilancia e control en materia de residuos, de recente creación e presente en dezaseis concellos da provincia.
A súa misión é garantir o cumprimento da normativa de residuos e a correcta xestión das distintas tipoloxías de refugallos que se xeran nos establecementos, entidades e empresas a nivel local.
Domínguez foi tamén o encargado de explicar ao grupo a actividade de Sogama, tanto desde a dimensión ambiental como económica e social, así como a infraestrutura industrial da que se serve esta empresa pública para dar servizo a 304 concellos.
Ademais, detallou o tratamento dispensado ás distintas fraccións de refugallos que se atopan baixo a súa competencia (contedor amarelo, para envases de plástico, latas e briks; marrón, para materia orgánica; e xenérico, para resto).
Sobre as liñas de acción do plan estratéxico 2025-2030, o presidente de Sogama sinalou que pivota sobre a transformación dixital e a robotización industrial, a descarbonización dos procesos e a xestión de novas tipoloxías de residuos, como o téxtil.
De feito, Sogama está a construír, no propio complexo cercedense, unha planta de clasificación de téxtiles, que será a primeira de carácter público en España, para propiciar a recuperación deste material e contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos.
Cun investimento de 22,4 millóns de euros, dos cales 12 millóns foron captados a través dos fondos europeos, esta planta contará cunha capacidade inicial para 3.000 toneladas anuais, ampliable a 24.000.
Nunha primeira fase, creará entre 17 e 30 empregos, que estarán destinados, con carácter prioritario, a persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade social.
A visita foi cualificada polos técnicos de gran interese pola oportunidade de aprendizaxe e mellora no asesoramento que realizan aos produtores locais de residuos.