Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo: "A ponte de San Xosé e a Semana Santa non poden ser un impedimento para o verán"

Sanxenxo
19 de marzo 2021

O alcalde da vila turística fai un chamamento á responsabilidade das persoas que se acheguen a Sanxenxo durante estas festividades e recoñece que a Policía Local vai manterse moi atenta para que se cumpran as normas de limpeza e de seguridade sanitaria nos establecementos porque "Sanxenxo non se pode permitir perder o verán"

Telmo Martín camiñando polo Paseo de Silgar
Telmo Martín camiñando polo Paseo de Silgar / PontevedraViva

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. é contundente: "Sanxenxo non se pode permitir perder o verán". As previsións do rexedor da vila turística sitúanse nun bo verán turístico grazas ao avance na vacinación da poboación a á baixada de casos activos de covid-19.

Por este motivo, amosa a súa preocupación ante esta ponte de San Xosé e á chegada da Semana Santa, advirtindo que estas festividades "non poden ser un impedimento para o verán". Considera que é fundamental que se cumpra coa limpeza e coa seguridade sanitaria durante estas datas.

Martín avanza que a Policía Local fará cumprir todas as normativas sanitarias en relación á capacidade dos espazos, uso de máscaras protectoras e mantenemento das distancias. Entende que se o tempo acompaña nas vindeiras datas festivas, un importante número de clientes acudirán a terrazas, restaurantes e bares de Sanxenxo onde haberá unha especial vixilancia.

Indica que os axentes policiais farán seguimento das normas e controlarán a aquelas persoas non responsables que prexudican á maioría. Telmo Martín quere que Sanxenxo se presente como un lugar turístico seguro de cara os meses de verán.

Neste sentido afirma que non abrirán moitos hoteis durante esta ponte e que en Semana Santa algún máis ten previsto acoller a clientes, malia ao peche perimetral da comunidade, porque lembrou que o municipio é lugar de acollida de moitos visitantes galegos.