Telmo Martín reparte competencias entre os seus edís e reduce o custo do goberno

Sanxenxo
02 de xuño 2017

O novo goberno municipal de Sanxenxo custará, segundo desvelou este venres o Partido Popular, 193.500 euros anuais. O executivo, que presidirá Telmo Martín, contará con once concelleiros pero tres deles non cobrarán soldo algún

Toma de posesión de Telmo Martín coma alcalde de Sanxenxo
Toma de posesión de Telmo Martín coma alcalde de Sanxenxo / PontevedraViva

O novo goberno municipal de Sanxenxo custará, segundo desvelou este venres o Partido Popular, 193.500 euros anuais. O executivo, que presidirá Telmo Martín, contará con once concelleiros pero tres deles non cobrarán soldo algún.

Segundo os datos achegados polo Concello, o custo do goberno será 28.000 euros inferior ao que tiña o tripartito, que alcanzaba os 221.300 euros e 86.000 menos que os 279.000 euros que cobraron os integrantes do último goberno do PP, con Catalina González á fronte.

O propio alcalde, tal e como xa anunciara, asumirá tamén as competencias en seguridade cidadá. Cobrará 30.000 euros anuais.

Gonzalo Pita será o tenente de alcalde e o responsable da coordinación do goberno e das relacións institucionais, cun soldo de 26.000 euros anuais.

Os outros dous edís de SAL manterán as súas competencias. Daniel Fernández Piñeiro manterase á fronte de infraestruturas e Jesús Sueiro de turismo, deportes e festas, cun salario de 29.000 e 21.600 euros anuais respectivamente.

Esta última cantidade cobrarán os outros catro concelleiros do PP que terán un soldo municipal.

Trátase de María Deza, que se encargará de planificación e xestión urbanística; Marcos Guisasola, que será responsable de facenda e persoal; Paz Lago, que asumirá educación, cultura e xuventude; e Silvia Freire, á fronte de servizos sociais e igualdade.

Non cobrarán José Antonio Deza, concelleira de medio ambiente; Rafael Domínguez, concelleiro de promoción económica e innovación; e Alfonso Rea, responsable de mantemento e servizos.

O persoal de confianza estará formado pola secretaria do alcalde e a responsable de prensa e redes sociais e a suma de ambos os soldos non superará a contía que percibía o persoal de confianza do anterior rexedor. 

Ademais, o goberno asegura que contará coa inestimable colaboración doutras persoas, que non van percibir soldo por iso, pero acreditan gran experiencia na xestión municipal.