Para moitos funcionarios do Concello de Pontevedra este luns é un día de alivio ao terminar un dos expedientes urbanísticos máis lonxevos: a concesión do aparcamento subterráneo Veteris.
A portavoz municipal, Carme Da Silva, tamén mostrou a súa ledicia ao comunicar este luns en rolda de prensa que a Xunta de Goberno local propuxo a adxudicación da explotación do aparcamento á empresa Parking Centro Ciudad Pontevedra.
"Faime especial ilusión como concelleira de Patrimonio que xa viviu este expediente completo ao longo dos últimos 20 anos", confesou Da Silva.
A adxudicataria é a empresa que vén xestionando o estacionamento desde o ano 2010, unha firma vencellada á promotora Veteris, que no seu día construíu o estacionamento con 218 prazas nos edificios a ambos os dous lados da rúa Antón Fraguas ocupando tamén o espazo público baixo a rúa con outras 443 prazas, o que deu orixe ao problema administrativo.
Para chegar a esta legalización, o concello tivo que acudir a unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana, unha complicada xudicialización de todo o proceso que acabou no Tribunal Supremo, e tres fracasos noutros tantos intentos por adxudicar a explotación do aparcadoiro.
Agora, unha vez que a empresa presente toda a documentación requirida, o Concello asinará un contrato de concesión demanial por un canon de 26.500 euros anuais e un período de 65 anos dos que algúns técnicos consideran que xa se consumiu algún tempo.