Tino Fernández aposta por converter Pontevedra "nunha factoría de arte e cultura"

Pontevedra
14 de abril 2019

O candidato socialista proxecta un 'Laboratorio de Acción Cultural' que xogue un destacado papel na difusión das actividades organizadas polas diferentes asociacións, colectivos e axentes sociais

Tino Fernández na sala de prensa do Concello
Tino Fernández na sala de prensa do Concello / Paula Sanmartín

Converter Pontevedra "nunha factoría de talento artístico e cultural" é a nova proposta do Partido Socialista para as eleccións municipais.

O seu candidato, Tino Fernández, aposta por crear un 'Laboratorio de Acción Cultural' que sirva de vehículo vertebrador de todas as actuacións e iniciativas que os axentes sociais propoñan.

Segundo explica a plataforma tería a forma dun organismo de participación no que estará representada "toda a comunidade cultural de Pontevedra: asociacións, museos, arquivos, bibliotecas, centros socioculturais, Universidade, Escola de Belas Artes, centros escolares, colectivos veciñais, etc".

Trátase dunha idea que se pretende xogue un destacado papel na difusión das actividades culturais "mediante a posta en funcionamento dunha páxina web ou magazine dixital e a instalación de dous paneis informativos dixitais en lugares estratéxicos da cidade", explica Fernández.

Outra das propostas que a Agrupación Municipal do PSOE levará no seu programa consiste na creación do Instituto de Estudos Locais e Culturais de Pontevedra que entre outras cousas levaría a cabo un proxecto de recuperación e compilación de materiais e legados fotográficos e documentais sobre a cidade.