Tino Fernández, secretario local do PSOE, satisfeito co cesamento do xerente dos Hospitais

Pontevedra
23 de febreiro 2017

O secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, Santos Héctor, non quixo pronunciarse sobre esta decisión da Consellería de Sanidade malia que os socialistas reclamaran recentemente a dimisión de José Manuel González

O secretario de Sanidade da executiva local do PSOE, Víctor Pedreira, conversa con Agustín Fernández
O secretario de Sanidade da executiva local do PSOE, Víctor Pedreira, conversa con Agustín Fernández / PontevedraViva

Tino Fernández, secretario local do Partido Socialista, alégrase do cesamento de José Manuel González como xerente dos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés. Así o manifestaba a preguntas dos xornalistas despois de que o secretario provincial do PSOE, Santos Héctor, se negara en tres ocasións e de maneira sorprendente a responder ás preguntas sobre esta decisión da Consellería de Sanidade.

Fernández e a deputada Patricia Vilán reclamaran, hai unhas semanas, a dimisión do xerente por mor da sentenza que declaraba nula a oposición pola que deixaba sen praza ao ex xefe do servizo de Psiquiatría e responsable socialista, Víctor Pedreira. Apuntaba que numerosos xefes de servizo consideraban que González non era a persoa máis adecuada para desenvolver este cargo.

O secretario local do PSdG-PSOE considera que se trata dunha boa noticia para a sanidade de Pontevedra esta substitución porque, engadiu, "era unha persoa que non cría na ampliación de Montecelo" e destacou que se opuxo a esta reforma do hospital radicalmente apostando polo proxecto de Monte Carrasco.

Tino Fernández espera que José Ramón Gómez, que este xoves tomaba posesión do cargo en Montecelo, manteña unha traxectoria diferente á do seu antecesor e entenda os problemas sanitarios de Pontevedra e da súa zona de influencia.

MOREIRA NON CRE QUE LLE PASARA FACTURA A SÚA APOSTA POR MONTE CARRASCO

O máximo responsable do Partido Popular local, Jacobo Moreira, entende que a decisión de substituír a José Manuel González englóbase dentro dos cambios en varias xerencias de distintos complexos hospitalarios de Galicia. Moreira non cre que lle teña pasado factura a súa aposta polo Hospital de Monte Carrasco en lugar da ampliación de Montecelo. Sinalou que o xerente cesado sempre estivo ao servizo do Sergas.

"Imagino que es la dinámica propia de la Consellería", sinalou Jacobo Moreira, que agradeceu o traballo desenvolvido por González á fronte dos hospitais de Pontevedra.

CIG-SAÚDE: ERA UN LASTRE

Para CIG-Saúde este cambio á fronte do CHOP era previsible e desde o sindicato entenden que a figura de José Manuel González estaba máis que amortizada e só era un lastre para o actual conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.