Tino Fernández: "Só hai que saír á rúa e preguntarlle á xente: todo o mundo quere aos socialistas no Concello"

Pontevedra
28 de maio 2019

O líder do PSOE deixa a pelota no tellado do BNG para que dea o paso de sentarse a negociar, pero si deixa claro que está disposto a facelo e a buscar a mellor solución para Pontevedra, que podería pasar por un bipartito. Ironiza sobre o feito de terlle que dar "en parte a razón a Lores sobre que o mellor estaba por vir"

O PSOE de Pontevedra celebra os resultados nas eleccións municipais do 26M
O PSOE de Pontevedra celebra os resultados nas eleccións municipais do 26M / Diego Torrado

O candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, fixo este martes unha valoración máis repousada dos resultados das eleccións municipais do pasado domingo e amosou a súa disposición a falar co BNG, forza máis votada, para conformar o futuro goberno local. 

Fernández deixa a pelota no tellado do BNG para que dea o paso de sentarse a negociar, pero si deixa claro que está disposto a facelo e a buscar a mellor solución para Pontevedra, que podería pasar por un bipartito ou por outra fórmula de goberno. En todo caso, si que insiste en que os gobernos bipartitos entre socialistas e nacionalistas como os que gobernaron na cidade entre 2003 e 2015 funcionaron ben e apunta que é a solución que pide a xente.

"Só hai que saír á rúa e preguntarlle á xente: todo o mundo quere aos socialistas no Concello", manifestou Fernández, que ironiza sobre o feito de terlle que dar "en parte a razón a Lores sobre que o mellor estaba por vir", facendo referencia ao lema de campaña da candidatura nacionalista que encabezaba o actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. 

O líder do PSOE considera que, co reparto de concelleiros que deixaron estes comicios municipais (11 do BNG, 9 do PP, 4 do PSOE e un de Cidadáns), "sería lóxico que o BNG movese ficha para garantir un goberno de futuro, estable e progresista para Pontevedra". A partir de aí, quedaría sentarse a negociar a fórmula. 

En canto á análise dos resultados en si, considera que o PSOE regresou a Pontevedra con forza, "na súa versión máis xenuina, progresista e feminista" e que os resultados que lle permitiron subir de tres a catro concelleiros son "a semente dun cambio imparable na nosa cidade".

Na súa opinión, o 'efecto Lores' supuxo un "freo para a primavera de cambio socialista no concello", pero, aínda así, é unha "verdadeira ledicia" ver que o seu partido e os pontevedreses que apostaron por eles "volven soñar e sacar peito".

O líder socialista séntese "moi orgulloso" dunha cidadanía que sabe que a esquerda é "a única garantía de igualdade, dereitos sociais, diversidade, xustiza e feminismo" e destaca que os socialistas frearon o avance das tres ultradereitas en España e agora tamén en Europa e en Pontevedra. "Somos o único partido que pode garantir un futuro con dereitos laborais intocables, educación e sanidade universais e pensións dignas", insiste, e agradece aos votantes a confianza depositada.