A tinta femia volverá brillar no Eirado de Cela tras varios anos de ausencia

Bueu
12 de xuño 2025

O Concello de Bueu e a Asociación de Viticultores San Martiño recuperan a festa do viño tradicional do 4 ao 6 de xullo con 1.300 botellas de dez colleiteiros

Presentacion da Festa Viño Tinta Femia 2025 Concello de Bueu

A parroquia de Cela en Bueu prepárase para revivir unha das súas tradicións máis emblemáticas.

A XIX Festa do Viño Tinta Femia regresa este ano tras un período de inactividade, grazas ao impulso conxunto do Concello de Bueu e a Asociación de Viticultores San Martiño.

O evento, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo no Eirado de Cela, porá en valor un dos produtos máis singulares e definitorios da vila morracense, cun programa que combina gastronomía, música tradicional e actividades culturais.

Nesta edición, dez colleiteiros e colleiteiras da zona ofrecerán un total de 1.300 botellas deste viño autóctono, que poderán degustarse acompañadas de comida a prezos populares.

"É un reto e un orgullo asumir as rendas desta festa que ten tanto valor e significado para a parroquia", explicou Francisco Entenza, representante da asociación de viticultores.

O alcalde Félix Juncal destacou durante a presentación a importancia de "manter as tradicións e legarlles aos nosos nenos e nenas o que é tan noso", subliñando o compromiso municipal con esta celebración que conecta pasado e presente.

A programación arrancará o venres 4 cunha ruta sonora a cargo do investigador Xavier Blanco, que mesturará música de raíz cos espazos vitivinícolas de Cela, seguido da actuación do grupo tradicional Retrouso.

O sábado, día grande, terá como pregoeiro a Juan Veiga Alfonso, fillo adoptivo de Bueu desde 2017, mentres que o domingo culminará coas catas cegas e a entrega de premios aos mellores viños.