Dous proxectos de abastecemento e un de saneamento permitirán completar a rede de ambos servizos en Bora. Así o anunciou este luns o goberno municipal. En total, estes traballos que executará a empresa Viaqua no marco do novo contrato da auga suporán un investimento de case sete millóns e medio de euros.
A portavoz do goberno, Anabel Gulías, cifrou o investimento nuns 50.000 euros por vivenda.
O proxecto para ampliar a rede de abastecemento desde o depósito de Castro Senín ata Bora ten un orzamento de 2.954.429,94 euros e un prazo de execución de 20 meses.
A rede dará servizo aos lugares de Leirados, O Teso, Cara, As Pontes, Vilares, O Quinteiro, O Tombo, A Lameliña, O Pio, O Couto, O Valo e Portamuíño. Ademais, tamén se verán beneficiados os lugares de A Raixera, Eirós e Carabelos, os tres en Mourente.
O segundo proxecto de abastecemento, tamén desde o depósito de Castro Senín, custará 1.831.361,97 euros e terá un prazo de execución de trece meses. Esta intervención supón a canalización nos lugares de A Corval, A Igrexa, As Leiras, O Tombo, A Cardosa e O Salgueiral.
Entre ambos os dous proxectos unhas 383 vivendas quedarán conectadas á rede municipal de abastecemento de auga potable.
Pola súa banda, a ampliación da rede de sumidoiros na parroquia de Bora conta cun orzamento de 2.670.277,88 euros, ten un prazo de execución de 19 meses e está proxectada para as 158 vivendas que ata o de agora non contaban con este servizo.