Todo a punto para o inicio da feira taurina da Peregrina

Pontevedra
01 de agosto 2014

Enrique Ponce, Sebastián Castella e Daniel Luque serán os encargados de abrir a programación da Feira da Peregrina. Será este sábado 2 de agosto, a partir das 19.00 horas. Paralelamente aos preparativos taurinos, estase a preparar un operativo especial da Policía Local para garantir a seguridade nos arredores da praza de San Roque

Afeccionados facendo cola para mercar entradas
Afeccionados facendo cola para mercar entradas

Os touros da gandaría Alcurrucén que lidarán Enrique Ponce, Sebastián Castella e Daniel Luque xa descansan no interior do coso de San Roque. Os tres matadores serán os encargados de abrir a programación da Feira da Peregrina. Será este sábado 2 de agosto, a partir das 19.00 horas. A cidade do Lérez será a única localidade galega na que este verán haberá corridas de touros, tras a suspensión da feira da Coruña.

Daniel Luque, que abriu a porta grande de Las Ventas, é un dos grandes atractivos desta feira. Por fin poderase ver unha figura emerxente compartindo terna coas principais figuras da escala, ata agora reticentes a realizar o paseíño cun destro que esixe moito aos seus compañeiros de lida. Acompañarano dous toureiros 'clásicos' en San Roque, Enrique Ponce e Sebastián Castella.

Pola súa parte, Miguel Ángel Perera e Iván Fandiño compartirán touros da gandaría de Victoriano del Río o domingo 3 de agosto. Completará a tarde Julián López, 'El Juli'. A lida comezará tamén ás 19.00 horas.

Nas últimas horas, parece terse intensificado a venda de localidades para estas dúas primeiras corridas da feira. Ademais, operarios e traballadores da empresa que xestiona a praza pontevedresa apuran os preparativos para que o coso estea en perfectas condicións para a lida do sábado. A única preocupación é a mala previsión meteorolóxica, xa que auguran abundantes chuvias para todo o día.

PLAN DE TRÁFICO E SEGURIDADE

Paralelamente aos preparativos taurinos, estase a preparar un operativo especial da Policía Local que deixará os arredores da praza de San Roque listos para a celebración, en condicións de seguridade, dos espectáculos taurinos desta fin de semana.

Desde las 08.00 horas deste sábado 2 de agosto prohibirase o estacionamento nas rúas próximas a Víctor Said Armesto, Campo da Torre e Nostramo Lourido. Será ata as 22:00 horas do domingo. E desde as 14.00 horas (tanto o sábado como o domingo) quedarán peonalizadas as rúas Alameda, Raíña Vitoria, boa parte de Colón e San Roque, así como as que rodean a praza e outras menores, por motivos de seguridade.

Será necesario despregar un total de 25 valados con sinalización efémera. A avenida de San Roque quedará cortada nas Corbaceiras en sentido subida, así como Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á Praza de Touros. Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón. Os vehículos que veñan da Ponte da Barca deberán dirixirse ás Corbaceiras e os que circulen por Irmáns Nodales terán que voltar ás Corbaceiras por San Roque.

En canto aos efectivos humanos da Policía Local, a previsión consiste en reforzar os servizos con respecto ao que é ordinario e que se organizarán ao longo das quendas de tarde e noite. Tamén se conta coa colaboración e os reforzos da Policía Nacional, con quen se estivo coordinando os operativos.

Por último, polas noites haberá tamén un reforzo do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, co obxectivo de retirar das rúas as toneladas de residuos que se xeran nos días de peñas.