Todo listo en Gondar para celebrar a XVI Festa dá Xuventude e Santo Tomé

Sanxenxo
18 de abril 2025

A programación arrincará o 25 de abril coa Festa da Xuventude, con José Rico como artista principal e as actuacións de Miriam Amat, Dumore, Paco Vulkano, Dani Kölmel e Xacobo Mínimo

Comisión de festas de Gondar
Comisión de festas de Gondar / Concello de Sanxenxo

A XVI Festa da Xuventude e Santo Tomé, as dúas citas festivas máis importantes do ano en Gondar, en Sanxenxo, están ao caer e a Comisión de Festas de Santo Tomé de Gondar xa as ten preparadas.

Membros da comisión e o concelleiro Yago Torres presentaron o cartel coa programación que arrincará o 25 de abril coa xa consolidada Festa dá Xuventude con José Rico como artista principal.

A programación incluirá as actuacións de Miriam Amat, Dumore, Paco Vulkano, Dani Kölmel e Xacobo Mínimo.

O recinto da festa, no atrio da capela de Santo Tomé de Gondar, estará cuberto cunha carpa e valado. O acceso será libre por unha única entrada controlada e non estará permitida a entrada con bebida do exterior.

Durante a velada, realizaranse distintos sorteos. O agasallo máis curioso e novo será un porco. A comisión de festas repite a proposta para reducir os residuos na festa coa venda dun vaso conmemorativo reutilizable que os asistentes poderán adquirir por 1 euro.

O mércores 30 de abril, coincidindo coa véspera de Santo Tomé, celebrarase unha verbena amenizada polas orquestras Fania Blanco Show, Unión e Fuerza e sesión disco con DJ.

O 1 de maio a festividade de Santo Tomei dará comezo cunha tirada de bombas e pasacalles co grupo de gaitas Os Cruceiros de Vilalonga e a Fanfarria de Furruxa. Ás 12 horas, celebrarase a misa cantada polo coro parroquial en honra ao patrón e, a continuación, realizarase a tradicional procesión.

Tras a celebración litúrxica, haberá sesión vermú con Punto Zero e pulpeiro. Ás 19 horas, celebrarase o XIV Trofeo Festas Santo Tomé de Gondar que enfrontará a solteiros contra con casados no campo do Revel.

O recinto da festa estará cuberto por unha gran carpa con pintacaras e inchables para os máis pequenos.