Todo o litoral costeiro estará este xoves en alerta laranxa por temporal

Pontevedra
21 de febreiro 2024

O fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada ao noroeste da Coruña e na Mariña lucense. A medida que avance o día o nivel de alerta laranxa afectará tamén ao resto do litoral da Coruña e á provincia de Pontevedra, tanto ás Rías Baixas como á zona do Miño

Temporal na costa de Pontevedra
Temporal na costa de Pontevedra

As ondas de ata oito metros que se rexistrarán este xoves en todo o litoral galego levou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia a activar para este xoves 22 de febreiro a alerta laranxa por temporal costeiro.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta madrugada ao noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

A medida que avance o día o nivel de alerta laranxa afectará tamén ao resto do litoral da Coruña e á provincia de Pontevedra, tanto ás Rías Baixas como á zona do Miño.

Está previsto mar combinada do noroeste e ondas de ata 8 metros. Ocasionalmente haberá tamén ventos de forza 8 e refachos de ata 74 quilómetros por hora.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos.

Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.