O novo sistema de recollida selectiva de residuos nos establecementos comerciais do centro histórico pontevedrés botará a andar este próximo martes 19 de maio.
Será co novo servizo "porta a porta", que implica a case 300 locais da zona monumental e que permitirá recoller os residuos de xeito individualizado nos propios bares e comercios.
Ese día vanse a activar as rutas de recollida dos residuos en cada local, un plan que a curto prazo permitirá retirar todos os contedores públicos da zona monumental.
A operatividade deste novo sistema comezará oficialmente co reparto por parte do persoal de PreZero dos recipientes aos comercios co obxectivo de poder iniciar nesa mesma semana a recollida das cinco fraccións.
A dinámica consistirá en que, cada vez que se entreguen os recipientes, implementarase a ruta de recollida xusto ao día seguinte e este proceso irase repetindo xornada a xornada ata ter a ruta totalmente consolidada.
"Estamos a facer un traxe a medida para que o servizo sexa eficiente e responda á realidade de cada actividade económica", destacou o concelleiro de servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, xa que a recollida estará adaptada ás necesidades dos negocios.
A través deste servizo, recolleranse as cinco fraccións con diferentes frecuencias semanais.
Así, tanto o vidro comercial como os biorresiduos terán unha recollida diaria. A fracción resto retirarase os luns, mércores e venres, a embalaxe lixeira recollerase os martes, xoves e sábados; e o papel e cartón retirarase todos os días de luns a sábado.
Redundando na campaña de información, a concesionaria PreZero entregará un folleto a cada establecemento no que consta que cada comercio ten a obriga de separar adecuadamente os seus residuos debidamente clasificados.
Unha das transformacións máis importantes que traerá este novo sistema "porta a porta" será a eliminación progresiva dos actuais contedores permanentes no centro histórico.
No seu lugar, o Concello pasará a instalar por horas "illas emerxentes" destinadas exclusivamente para o uso da veciñanza, liberando así o espazo público o resto do día.
Consciente da envergadura desta medida para o comercio e a veciñanza, Moreda fai un chamamento á colaboración sinalando que "é un cambio radical e para interiorizalo hai que dar moita información e ir pouco a pouco titorizando todo este novo sistema".