Todo a punto para recibir a Jennifer Lopez en Pontevedra

Pontevedra
07 de xullo 2025
Actualizado: 17:19

Un escenario que ten 16 metros de alto e preto de 30 de boca será o que pise a artista estadounidense Jennifer Lopez, que dará en Pontevedra o primeiro concerto en Europa da súa xira 'Up All Night'

Jordi Lauren e Demetrio Gómez detallan o concerto de Jennifer Lopez en Pontevedra
Jordi Lauren e Demetrio Gómez detallan o concerto de Jennifer Lopez en Pontevedra / Concello de Pontevedra

Máis de cincocentas persoas están a traballar na montaxe do concerto de Jennifer López que terá lugar este martes 8 de xullo no parque de Tafisa, en Pontevedra, abrindo a xira europea da artista.

O concerto arrancará ás 22.00 horas pero as portas do recinto abrirán dúas horas antes. Será máis de hora e media de espectáculo e non haberá teloneiros.

Así o explicou Jordi Lauren, responsable da promotora Play Plan, que organiza este evento xunto a The Last Tour.

O escenario, no que esta mañá xa se realizaron probas de son e de vídeo, ten uns 16 metros de altura e preto de 30 de boca.

A artista estadounidense virá acompañada do seu corpo de baile e o seu espectáculo en Pontevedra contará con pantallas e cun montaxe de luces "brutal", indicou o promotor.

"Será visualmente de primerísimo nivel... Non se me ocorre un maior", destacou Jordi Lauren.

Será ademais un evento no que a artista repasará todos os grandes éxitos da súa carreira e nos que o público, garantiu o seu coordinador, "escoitará o que quere escoitar"

Seguen sendo un misterio os datos do aforamento e a venda de entradas, dos que nada pode dicir a promotora por contrato.

Do mesmo xeito, tampouco quixeron desvelar ningún detalle sobre a estancia de JLo en Galicia, neste caso, por razóns de seguridade.

Como novidade, este luns informouse que o acceso para o público á zona de actuación farase unicamente pola ponte dos Tirantes, eliminándose o previsto pola pasarela sobre o Lérez.

A este respecto, este luns xa se cortou o acceso peonil a toda esta zona.

Jordi Lauren destacou o "esforzo titánico" que está a supor toda esta montaxe e agradeceu a implicación e colaboración da Policía Local, os Bombeiros, Protección Civil e Visit-Pontevedra.

"A sorte é a experiencia previa de Pontevedra na organización de eventos internacionais", valorou Jordi Lauren que tamén resaltou a repercusión mediática e económica do concerto en Pontevedra e a súa contorna.