Todos os grupos políticos con representación en Poio puxéronse de acordo e aprobaron por unanimidade unha moción na que demandan ao Servizo Galego de Saúde que non reduza os actuais medios materiais e humanos de que dispoñen os centros de saúde no municipio e esixen que se cubra a praza que deixa vacante a médica xubilada en Anafáns.
A moción aprobouse no pleno da corporación deste martes 27 de decembro e tamén solicita que o servizo de pediatría e matrona se preste todos os días no centro de saúde de Combarro e que na redacción do proxecto de ampliación do centro de saúde de Anafáns se contemple que no mesmo se poidan prestar os servizos propios dun Punto de Atención Continuada (PAC).
Ademais desa moción, o goberno local xa anunciou que van solicitar unha reunión coa xerencia da área sanitaria, da que depende os centros sanitarios de Poio, para informarse da situación dos recursos humanos destes centros e dos avances no proxecto de ampliación de Anafáns.
A esta xuntanza acudirán acompañados dos representantes da plataforma afectados polos traslados a Combarro para que coñezan de primeira man toda a información.
A moción sobre a situación actual dos servizos sanitarios no Concello de Poio presentouna o BNG denunciando a "gravidade" da situación de deterioro dos servizos sanitarios en Poio, que sostén que "vai máis alá pola incompetencia do Sergas".