Toma de contacto do PP con colectivos para coñecer necesidades locais na política social

Pontevedra
04 de xullo 2023

Pepa Pardo, número 1 do Partido Popular de Pontevedra ao Senado, mantivu un encontro con axentes e asociacións da cidade para explicar as medidas polas que aposta o PP, que considera "esencial" a política social no seu programa electoral

Pepa Pardo, do PP, durante o encontro con representantes de colectivos sociais
Pepa Pardo, do PP, durante o encontro con representantes de colectivos sociais / Partido Popular de Pontevedra

Pepa Pardo, número 1 da lista do Partido Popular de Pontevedra ao Senado, mantiña un encontro con representantes de once colectivos sociais da cidade, no que manifestaba que a "política social é esencial" para o PP. Ao acto asistían representantes da ONCE, Asem, Parkinson, Amizade, Xoga, Adicam, Alcer, AECC, Amencer e Juan XXIII, ademais de Rafa Domínguez, presidente local do PP.

Con esta reunión inicia unha rolda de contactos con diferentes entidades para pulsar diferentes sensibilidades. Nos próximos días manterá reunións con axentes económicos para escoitar as súas prioridades e explicar as medidas que, en diferentes ámbitos, teñen previsto aplicar os populares en caso de gobernar despois da cita electoral.

Segundo explicou Pardo, o PP aposta polo emprego como a mellor ferramenta de inclusión social e mostrou o compromiso para acometer a reforma do artigo 49 da Constitución Española para cambiar o termo "diminuído" polo de "persoas con discapacidade". Tamén avanzou que presenta no seu programa medidas económicas, sociais e psicolóxicas dirixidas a familias con menores con discapacidade.

Tamén explicou que Núñez Feijóo aposta por recuperar a Comisión de Discapacidade do Congreso co obxectivo de que once millóns de españois teñan un órgano de representación. Fixo referencia a máis dun millón de contratos para persoas con discapacidade que, durante gobernos do PP,  se asinaron desde 2012.

Ademais, manifestou que queren priorizar a prevención da deterioración cognitiva, as demencias, regular a figura da Asistencia Persoal e aprobar o Plan nacional do Alzheimer.