Tomás Fole, ao Congreso dos Deputados tras a renuncia de José Balseiros

Cerdedo Cotobade
19 de novembro 2016

Haberá cambio nos deputados do PP por Pontevedra no Congreso. Despois de que Irene Garrido deixara á súa acta, tras ser nomeada secretaria de Estado de Economía, será finalmente o arousán Tomás Fole quen ocupe o seu lugar. Farao tras a renuncia do número 4 da lista popular, José Balseiros, que optou por entrar no novo Parlamento galego

Tomás Fole e Alfonso Rueda, en Vilagarcía de Arousa
Tomás Fole e Alfonso Rueda, en Vilagarcía de Arousa / PP de Vilagarcía

Haberá cambio nos deputados do PP por Pontevedra no Congreso. Despois de que Irene Garrido deixara á súa acta, tras ser nomeada secretaria de Estado de Economía, será finalmente o arousán Tomás Fole quen ocupe o seu lugar. Farao tras a renuncia do número 4 da lista popular, José Balseiros, que optou por entrar no novo Parlamento galego.

Nunha rolda de prensa celebrada en Vilagarcía, Tomás Fole asegurou que esta nova etapa na súa vida política supón un "auténtico lujo" e confesou sentirse como un "niño pequeño con zapatos nuevos". Nos próximos meses, dixo, representará ao Salnés en Madrid e prometeu ser o "hilo conductor" entre os pontevedreses e a Cámara Baixa.

Fole, que estivo acompañado do presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, avanzou que tomará posesión como deputado o vindeiro martes 22 de novembro. A pesar diso non abandonará a política local, onde leva xa trece anos -catro como alcalde-. Non renunciará á súa acta como concelleiro e seguirá sendo o portavoz do grupo municipal.

Pola súa banda, Rueda destacou que Vilagarcía, como terceira cidade máis importante da provincia, "merece tener un representante que conozca los problemas y las necesidades de esta ciudad" no Congreso dos Deputados.

Iso si, Fole si dará un paso atrás nas súas responsabilidades no PP de Vilagarcía. O ex alcalde anunciou que non se presentará á reelección como presidente local do partido. O seu substituto sairá do congreso que os populares celebrarán na cidade no primeiro trimestre do próximo ano 2017, ao que se poderá presentar calquera militante.

BALSEIROS EXPLICA A SÚA RENUNCIA

Ao mesmo tempo, o ex alcalde de Cerdedo e actual vicepresidente da xestora que dirixe o concello fusionado con Cotobade explicou os motivos polos que renunciou á acta de deputado que lle correspondía tras a saída de Irene Garrido.

José Balseiros asegura que tras analizar "pormenorizadamente" as opcións políticas que se lle presentaban optou por acceder ao parlamento autonómico -ao que chegará en próximas semanas tras as renuncias de varios compañeiros que se incorporan ao goberno da Xunta- porque "estou centrado en Galicia" e desexa manterse "preto" dos veciños de Cerdedo.

O posto de deputado en Madrid ía ser, segundo Balseiros, "toda unha honra e un feito histórico para a nosa comarca", pero entende que dita responsabilidade "afastaríame dos veciños" e levaríalle a incumprir a "palabra dada" nas anteriores eleccións municipais "nas que lles prometín que estaría preto deles e pelexaría por Cerdedo".

O cargo como deputado no Parlamento galego é compatible como as súas responsabilidades municipais e non obrigará a Balseiros a afastarse do seu concello, xa que lembrou que Santiago de Compostela "está só a 35 minutos" de Cerdedo-Cotobade.