O campus de Pontevedra acollerá entre o 21 e o 25 de abril a Semana CREA 2025, unha iniciativa aberta á cidadanía que, baixo o lema "Pensarnos futuros sustentables", servirá como escaparate da creatividade e a innovación promovidas polo Campus de Especialización Crea.
Co apoio da Deputación de Pontevedra, esta edición contará con destacadas personalidades como o recoñecido publicista Toni Segarra, a deseñadora de moda Elisa Palomino ou o artista gráfico Bruno de Almeida.
A programación abordará temas como a moda sustentable, a creación con materiais reciclados e o deseño colaborativo, distribuídos en conferencias, obradoiros prácticos e un ciclo de cine.
Segundo Ana Belén Fernández Souto, directora do Campus Crea, o obxectivo é mostrar a creatividade "dun xeito interdisciplinar", reforzando a súa conexión coa sustentabilidade.
CONFERENCIAS
-
Martes 22: Elisa Palomino (University of Arts de Londres), con máis de 25 anos de experiencia en firmas como Dior e John Galliano, falará sobre moda e antropoloxía.
-
Mércores 23: O artista Carlos Rodríguez-Méndez (Universidade de Salamanca) ofrecerá unha charla na Facultade de Belas Artes, mentres o Museo de Pontevedra acollerá un debate sobre deseño e inclusión coas deseñadoras gráficas Raquel Boo e Zeltia Iglesias, xunto coa profesora Silvia García.
-
Xoves 24: Toni Segarra, considerado o mellor creativo español do século XX, e David Caballero (VML The Cocktail) dialogarán sobre publicidade nun coloquio moderado por Julián Abad (Creatividade Galega). A cita será tamén no Museo de Pontevedra.
-
Venres 25: Manuel Heredia (Sods Estudio) abordará as claves para negocios téxtiles sustentables na Facultade de Deseño.

OBRADOIROS PRÁCTICOS
Entre as actividades destacan catro obradoiros gratuítos, con inscrición aberta ata cubrir prazas ([email protected]):
-
"Crea o teu propio libro bordado" (Luns 21 e Mércores 23), con Maritza Berttollini.
-
"Deseño colaborativo e sustentabilidade" (Martes 22), impartido por Bruno de Almeida.
-
"Materiais sustentables: tradición vs. greenwashing" (Martes 22), con Elisa Palomino.
-
"Las hierbas que él arrojó" (Martes 22 a Venres 25), un taller de arte con refugallos que culminará nunha exposición.

CICLO DE CINEMA
A Vicerreitoría retoma o ciclo cinematográfico 'Sobre Vivir (II)', que explora a relación entre o ser humano e o medio ambiente, con proxeccións como:
-
4 de abril: Animal (Cyril Dion, 2021), sobre cambio climático.
-
25 de abril: A noite é nosa (James Gray, 2007).
-
30 de maio: Alguén voou sobre o niño do cuco (Milos Forman, 1975).
Todo o programa figura na ligazón do DUVI.