Touradas Fóra de Pontevedra denuncia a retirada das súas pancartas reivindicativas

Pontevedra
24 de novembro 2014

Esta plataforma cidadá continúa cunha serie de actividades reivindicativas, como a colocación de varias pancartas nas pontes da cidade, para exisir a supresión das axudas municipais de 47.000 euros aos empresarios taurinos

Campaña antitouradas
Campaña antitouradas

A plataforma cidadá Touradas Fóra de Pontevedra retomou a campaña para reiterar a necesidade de que o Concello de Pontevedra finalice o contrato polo que achega 47.000 euros anuais á empresa propietaria da praza de touros de Pontevedra. A campaña consiste na instalación de pancartas nas pontes da cidade que o colectivo denuncia que foron retiradas indiscriminadamente sen permanecer instaladas máis de dous días. As pancartas foran colocadas na ponte da Barca, na ponte de Santiago, no Burgo e na avenida de Vigo.

O colectivo continúa sinalando que o contrato do Concello coa empresa facilita o mantemento da programación taurina na cidade. E sinalan que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ten que implicarse na desaparición das corridas de touros na cidade, tal e como se comprometía no seu programa electoral, segundo indica o colectivo.

Touradas Fóra de Pontevedra considera que o goberno municipal debería pasar pola supresión do contrato establecido coa empresa para que no recinto se desenvolva o espectáculo ecuestre na Feira Franca, albergar cabalos dos peregrinos e recoller os animais despois da celebración da cabalgata de Reis.

Reclaman, ademais, que se elimine a propaganda taurina nos espazos públicos e que se realice unha declaración pública de Pontevedra como cidade antitaurina e amiga dos animais.