Traballadoras das escolas infantís demandan convenio e salarios dignos

Pontevedra
27 de xuño 2023

O persoal de FESAN da escola infantil de Príncipe Felipe realizou unha concentración diante do centro cunha pancarta e carteis reclamando que se sube o IPC tamén deben subir os salarios. Está prevista unha folga nestes centros durante o xoves 29 de xuño con manifestación en Santiago de Compostela

Concentración de traballadoras da quenda de mañá de FESAN, concesionaria da escola infantil en Príncipe Felipe
Concentración de traballadoras da quenda de mañá de FESAN, concesionaria da escola infantil en Príncipe Felipe / CIG

As traballadoras da empresa FESAN, concesionaria da escola infantil de Príncipe Felipe, concentrábanse este martes no seu centro de traballo coa intención de defender os seus dereitos laborais, sociais e salariais.

A protesta inclúese dentro da convocatoria das organizacións sindicais do sector en todas as escolas infantís de Galicia, tanto privadas como de xestión indirecta.

Esta situación prodúcese polo inmobilismo na negociación do convenio colectivo de centros de educación infantil, na etapa entre os cero e os tres anos.

A CIG indica que levan máis dun ano negociando sen que se rexistre vontade de alcanzar acordo para actualizar os salarios do persoal. Aseguran que estes salarios permanecen por baixo do Salario Mínimo Interprofesional e, por tanto, non recuperan o poder adquisitivo perdido.

Indican tamén que as traballadoras das escolas de xestión indirecta sofren un grave prexuízo sinalando que a patronal impediu a firma dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. 

Está prevista unha xornada de folga este xoves 29 cunha manifestación en Santiago de Compostela reclamando un convenio e salarios dignos para este colectivo.