Traballadores da xustiza critican a posta en liberdade de 'La Manada': "estoy perdiendo la vocación"

Pontevedra
22 de xuño 2018

Os traballadores convocaron concentracións ante as sedes xudiciais da cidade: a Audiencia Provincial da rúa Rosalía de Castro e os xulgados da Parda. Tras unha pancarta na que recollen " Non é non. Eu si te creo", mostraron a súa visión crítica sobre a posta en liberdade  

Concentración de traballadores da Xustiza ás portas da Audiencia
Concentración de traballadores da Xustiza ás portas da Audiencia / Mónica Patxot

O auto xudicial da Audiencia Provincial de Navarra polo que se decreta a posta en liberdade baixo fianza de 6.000 euros dos cinco condenados de La Manada tamén sacou á rúa este venres aos traballadores do sector dos xulgados pontevedreses, que quixeron mostrar o seu rexeitamento a esta decisión que contribúe a crebar a confianza dun sector da cidadanía na xustiza

Os traballadores convocaron concentracións ante as sedes xudiciais da cidade: a Audiencia Provincial da rúa Rosalía de Castro e os xulgados da Parda. Tras unha pancarta na que recollen "Non é non. Eu si te creo", mostraron a súa visión crítica sobre a posta en liberdade. 

Ademais, aseguraron que este tipo de decisións xudiciais incluso lles fan cuestionarse a súa vocación e confianza particular na xustiza. "Empezé en esto por vocación y cada día la estoy perdiendo más", sinalou respecto diso Josefina Iglesias, traballadora e sindicalista de Alternativas na Xustiza Galega- CUT.

"Cuando una mujer le dice a un hombre que no, es no", insiste e critica que "en vez de ir para adelante, el machismo vuelve a crecer" e reflíctese en todos os sectores, entre eles, a xustiza. 

Os traballadores lembran tamén que a tres representantes sindicais e liberados das centrais STAJ e AXG- CUT abríronlles dilixencias de investigación por coaccións por mor dos incidentes rexistrados nas sedes xudiciais o día que se votou o preacordo para terminar coa folga indefinida do persoal da Xustiza. 

O vindeiro luns están convocadas asembleas tanto na Audiencia Provincial como no edificio xudicial da Parda e o martes 26 convocaron unha concentración con motivo da declaración ante a Fiscalía dos tres investigados.