Traballadores de Linares e Betanzos concentraranse en Pontevedra en apoio ao persoal de Tafisa

Pontevedra
09 de xuño 2014

Os representantes sindicais de Tafisa en Ponte Caldelas lograron arrincar, esta mañá, unha declaración institucional de todos os grupos parlamentarios de Galicia durante as entrevistas mantidas en Santiago. Este mércores volverán reunirse coa empresa

Protesta dos traballadores de Tafisa na Praza de San Xosé
Protesta dos traballadores de Tafisa na Praza de San Xosé / Mónica Patxot

O comité de empresa de Tafisa mantivo unha reunión durante este mediodía cos diferentes grupos parlamentarios de Galicia dos que conseguiu arrancarlles unha declaración institucional por parte de todos os partidos, que agardan que se realice dentro deste mes.

A intención dos representantes dos traballadores é que o caso de Tafisa se trasladase ao pleno de xuño, pero os partidos sinalaron, segundo apuntou o presidente do comité José Manuel Moledo, que era posible que non dese tempo a tratalo no pleno deste mes e que, en todo caso, sería tratado no de setembro. "En setembro igual nos chega un pouco tarde", ironizaba Moledo.

Unha vez máis, o comité de empresa, acompañado polo voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, solicitou ao grupo parlamentario popular unha reunión co conselleiro de Industria e co director do IGAPE.

Moledo indica que é natural que a empresa lle tivese comunicado ao IGAPE que o peche da fábrica de Ponte Caldelas era firme " porque a nós tamén nolo dixeron" pero sinala que dende a Xunta se lle ofreceron plans de axuda para evitar o peche. "Agora a empresaquedou en entregarlles documentación", afirma o presidente do comité, que reclama á dirección de Tafisa que concrete os seus obxectivos: "se hai prazas que digan onde e cando, prexubilacións e demais. A nós ata agora non nos di nada. Dixéronlle á Xunta que nos van tratar ben pero despois cando a Xunta proponlle axudas, eles din que non". Os traballadores mesmo contemplan a posibilidade de continuar coa actividade malia que sexa fora do Grupo Sonae.

Por este motivo, o mércores na nova reunión que manterán coa dirección da empresa, os traballadores volverán concentrarse na Praza de San José e protagonizar unha pequena manifestación por ese ámbito. O plantel estará arroupado polos compañeiros das fábricas de Tafisa de Linares e Betanzos, que se desprazan a Pontevedra para manifestar a súa solidariedade cos empregados de Ponte Caldelas.