Traballadores de PreZero alertan da precariedade de persoal e material para realizar a limpeza durante as festas

Pontevedra
19 de agosto 2024

O Comité de Empresa da concesionaria PreZero, responsable do servizo de recollida e limpeza en Pontevedra, emitiu nos últimos días un comunicado expresando o seu malestar pola situación de precariedade na que se atopan, especialmente destacada durante as Festas da Peregrina. Xaquín Moreda, concelleiro responsable de Limpeza, indicaba que o Concello mantén un diálogo constante coa empresa e agarda que o novo contrato de limpeza sexa unha "revolución"

Persoas no centro histórico durante as Festas da Peregrina
Persoas no centro histórico durante as Festas da Peregrina / Mosrey Fotografía

O Comité de Empresa da concesionaria PreZero, responsable do servizo de recollida e limpeza en Pontevedra, emitiu nos últimos días un comunicado expresando o seu malestar pola situación de precariedade na que se atopan, especialmente destacada durante as Festas da Peregrina.

Segundo o comunicado, o contrato do servizo está en prórroga dende o ano 2012, o que provocou que tanto o persoal como a maquinaria indispensable para realizar o traballo estean en condicións deficientes.

Os traballadores denuncian unha sobrecarga de traballo incrementada pola afluencia turística estival, que acentúa a insuficiencia de recursos e as frecuentes avarías da maquinaria anticuada.

O Comité subliñou que, malia os esforzos do persoal por manter a cidade limpa, a situación actual impide ofrecer un servizo á altura das expectativas tanto da veciñanza como dos visitantes.

Así mesmo, fixeron un chamamento ás autoridades locais para que actúen con urxencia, xa sexa mediante a adquisición de nova maquinaria ou a licitación dun novo contrato que se axuste ás necesidades actuais de Pontevedra.

En resposta, o concelleiro de Limpeza, Xaquín Moreda, recoñeceu as complicacións da actual situación e informou que o Concello leva tres anos traballando na elaboración dun novo contrato que, segundo afirma, representará unha "revolución" no servizo ao duplicar o orzamento anual asignado.

Moreda asegurou que esta situación é provisional ata que o novo contrato se faga efectivo e destacou que, durante as Festas da Peregrina, se reforzou o servizo de limpeza, incluíndo operativos especiais nas mañás para facer fronte ao aumento da carga de traballo, igual que en anos precedentes.

O concelleiro tamén indicou que o Concello mantén un diálogo constante con PreZero e que están á espera de novas reunións para abordar a situación.

Moreda expresou a esperanza de que en breve se poida formalizar o novo contrato, o que permitiría mellorar substancialmente as condicións do servizo e atender as demandas da cidadanía.