Traballadores do Príncipe Felipe piden a continuidade do Centro de Primeira Acollida

Pontevedra
13 de decembro 2017

Os traballadores do Centro de Primeira Acollida da Cidade Infantil Príncipe Felipe presentaron por rexistro un escrito no que mostran o seu "total desacordo" co peche desta unidade e solicitan "que se retomen as negociacións coa Xunta de Galicia para un posible acordo que permita a continuidade deste recurso"

Visita de Carmela Silva á Cidade Infantil Príncipe Felipe
Visita de Carmela Silva á Cidade Infantil Príncipe Felipe /

Os traballadores do Centro de Primeira Acollida da Cidade Infantil Príncipe Felipe presentaron por rexistro un escrito no que mostran o seu "total desacordo" co peche desta unidade e solicitan que se retomen as negociacións coa Xunta de Galicia para un posible acordo que permita a continuidade deste recurso.

Despois de decatarse da decisión do peche do centro polos medios de comunicación, estes profesionais mostran o seu rexeitamento "ás formas" coas que a deputada delegada en materia de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, anunciou esta medida "sen falar previamente cos responsables e traballadores do centro".

Tamén expresan a súa "desconformidade coa información transmitida aos medios de comunicación" por parte dos responsables da Deputación de Pontevedra xa que, ao seu xuízo, "reflicten un total e absoluto descoñecemento do traballo que se realiza e das intervencións levadas a cabo".

Neste sentido puntualizan que a Unidade de Primeira Acollida é un centro especializado, único na comunidade galega, pertencente á Deputación de Pontevedra, que está destinado a acoller con carácter de urxencia e por un curto período de tempo a aqueles menores que se atopan nunha grave situación de desprotección ou cun alto risco físico ou psíquico durante os 365 días do ano e nas 24 horas do día.

"Non é un centro de cumprimento de medidas xudiciais de internamento", puntualizan.

Desde a súa apertura no ano 2002, o centro atendeu máis de 100 menores ao ano, e apuntan estes traballadores que "en momentos puntuais e de forma excepcional, os mozos acollidos poden presentar problemas de conduta derivados da súa propia historia de vida e precisan dunha atención especializada".

Os profesionais do Centro de Primeira Acollida, tras a avaliación pertinente, póñeno en coñecemento da Xunta de Galicia e solicitan o traslado o máis inmediato posible, a un centro adaptado ás súas necesidades.

Estes traballadores solicitan no seu escrito que a deputada delegada se reúna de maneira urxente cos profesionais deste centro para coñecer de primeira man o traballo que se realiza e a importancia do mesmo.