Nova xornada, e xa van tres, de folga no sector do metal. Un día más, os traballadores paralizaron a actividade nas principais empresas e polígonos industriais da provincia.
Desde os sindicatos advirten de que as folgas continuarán e instan a patronal a achegar "propostas serias" que garantan unha mellora das condicións laborais como único xeito de chegar a un acordo que permita pechar o conflito.
"Que teñan moi claro que a tensión continúa e que imos continuar até lograr un convenio colectivo digno", subliñaron desde a CIG.
Así, xa están convocadas novas xornadas de folga para os días 19, 20 e 21 de maio, coincidindo coa celebración en Vigo da Feira Internacional Navalia.
Os traballadores, que se manifestaron de novo polas rúas de Pontevedra, rexeitan as "pequenas migallas" que poida levar o empresariado á mesa de negociación.
Insisten en que queren salarios que lles permitan manter o nivel adquisitivo, a subrogación para evitar que moitas persoas traballadoras queden na rúa, condicións de traballo "dignas e seguras" ou medidas para reducir a sinistralidade laboral no sector.
Ademais de na Boa Vila, este terceiro día de folga deixou mobilizacións masivas en Vigo, Vilagarcía, Lalín ou Valga.
Para este venres está prevista unha nova reunión coa patronal para tratar de desbloquear a negociación do novo convenio.