Traballadores xudiciais da Parda e a Audiencia inician un calendario de protestas

Pontevedra
07 de novembro 2017

A primeira acción de protesta acordada será o próximo 16 de novembro, cunha concentración ante as sedes xudiciais. Os días 1 e 13 de decembro teñen aprobada unha folga xeral en toda Galicia e, se estas medidas de presión non dan resultado, a finais de xaneiro estudaríase a folga indefinida 

Asemblea de traballadores da Xustiza na Audiencia Provincial
Asemblea de traballadores da Xustiza na Audiencia Provincial / Mónica Patxot

Traballadores do sector xudicial de Pontevedra e representantes de todos os sindicatos con representación entre o persoal dos edificios xudiciais da Parda e a Audiencia Provincial reuníronse este martes en dúas asembleas celebradas ao longo da mañá e acordaron iniciar unha serie de mobilizacións ao longo dos próximos meses que mesmo pasarían por unha posible folga indefinida se non conseguen as súas reivindicacións. 

A primeira acción de protesta acordada será o próximo 16 de novembro, cunha concentración que se realizará tanto en Pontevedra como ante as sedes xudiciais das sete cidades máis grandes de Galicia. Xa os días 1 e 13 de decembro teñen aprobada unha folga xeral en toda Galicia e, se estas medidas de presión non dan resultado, a finais de xaneiro estudaríase a folga indefinida. 

Esta protesta sindical é resultado da unión de todos os sindicatos do sector, SPJ, USO, CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC OO, e Pontevedra acordou unirse a ela tras unha asemblea celebrada ás 9.15 horas nos xulgados da Parda á que acudiu máis da metade do persoal dese edificio xudicial e outra ás 13.00 horas na Audiencia con decenas de participantes. 

As protestas secundaranas todos os profesionais excepto xuíces e fiscais para reclamar que a administración autonómica acabe coa "discriminación" que aseguran que sofren con respecto aos funcionarios do sector noutras comunidades en cuestións como o complemento autonómico transitorio.

Tamén se ven discriminados con respecto a outros profesionais como fiscais, xuíces e secretarios en relación con asuntos como, por exemplo, os descontos por incapacidade laboral ou as substitucións. Respecto diso, explican a modo gráfico que, por exemplo, a un fiscal, xuíz ou secretario xudicial que teñen unha gripe non lle descontan parte do seu salario e ao resto de funcionarios da Xustiza si.

Con estas accións de protesta esixen á Xunta unha mellora nas súas condicións laborais e nas súas retribucións porque "somos os únicos de todo o territorio nacional que vimos recortadas as nosas nóminas durante cinco anos, sendo saqueados desde 2013 a 2017 coa escusa da crise económica". Os sindicatos cifran estes recortes salariais ata en 10.000 euros por persoa. No caso do complemento transitorio sinalan que existe unha diferenza coa zona media estatal duns 200 euros. A súa reclamación pasa por "polo menos equiparar os nosos salarios coa media do resto de comunidades", apuntaron.

Ademais piden que a Dirección Xeral de Xustiza fixar coas organizacións sindicais os órganos e as localidades onde se van a consolidar as prazas de reforzo de máis de tres anos e quéixanse da eliminación de prazas, que calculan en 106 desde 2013 en Galicia, co aumento de carga de traballo que implica, seccións das Audiencias "máis que atrancadas" e os problemas á hora de executar sentenzas.