Traballan na mellora do pavillón do Sequelo e na construción dunha cancha para o colexio de Seixo

Marín
20 de agosto 2014

A previsión é que as obras conclúan antes do inicio do curso escolar

Construcción dunha pista deportiva no colexio de Seixo
Construcción dunha pista deportiva no colexio de Seixo / Concello de Marín

As reformas previstas nos centros educativos de Marín seguen o seu curso coa intención de estar concluídas antes do inicio do curso escolar.

Entre os traballos que se están a realizar destaca a construción dunha cancha deportiva no colexio de primaria de Seixo. A pista será de formigón e permitirá a práctica de deportes como o fútbol sala ou baloncesto, ademais doutras modalidades que non se podían practicar neste ámbito.

A intención do goberno local é que, ao igual que noutros centros escolares, esta instalación poida utilizarse tamén fóra do horario lectivo.

Por outra parte estes días estase a proceder a instalar a pista de madeira do pavillón do Sequelo, dentro das obras adxudicadas no seu momento pola Deputación á empresa Mondo Ibérica por valor de 55.600 euros.

Esta reforma mellorará o uso dunha instalación que é utilizada en horario matinal polo colexio de primaria do Sequelo e polas tardes polas diferentes actividades extraescolares.