A Garda Civil de Tráfico desenvolverá durante unha semana unha campaña especial de vixilancia sobre as distraccións durante a condución nas estradas de Pontevedra no marco dun programa máis amplo, de índole europeo, para mellorar a seguridade ao volante.
A campaña desenvolverase a partir deste xoves 16 de setembro, e ata o día 22, no marco da campaña ROADAPOL Safety Days, coordinada pola DGT a nivel nacional e ROADPOL, organismo que aglutina aos Corpos policiais encargados da vixilancia do tráfico en toda Europa. Será simultánea en todas as estradas europeas.
A Garda Civil vai reforzar a vixilancia sobre estas distraccións incrementando o uso de vehículos de cores comerciais, coñecidos popularmente como vehículos camuflados, especialmente furgonetas e camións.
Os axentes desenvolverán a súa actividade principalmente nos tramos de estradas con maior intensidade de circulación e nas de elevada incidencia deste tipo de distraccións.
O obxecto da esta campaña é evitar distraccións como o uso do teléfono móbil, comer, beber, fumar, discutir ou a execución de accións similares mentres se conduce, pois este tipo de accións incrementan de forma exponencial o risco de sufrir un sinistro ao afectar o tempo de reacción e capacidade de anticipación do condutor.
Nos últimos catro anos, as distraccións convertéronse na primeira causa dos accidentes mortais nas estradas españolas e presentes no 20% dos sinistros. Con esta campaña, búscase reducir esta sinistralidade relacionada coas mesmas.