Tráfico redobra esta semana a vixilancia sobre camións e autobuses

Pontevedra
11 de outubro 2021

A Dirección Xeral de Tráfico desenvolverá esta semana, ata o próximo 17 de outubro, unha nova campaña especial de vixilancia e control da seguridade viaria na provincia de Pontevedra. O obxectivo desta iniciativa serán os camións e os autobuses

Autobús de transporte escolar
Autobús de transporte escolar / Mónica Patxot

A Dirección Xeral de Tráfico desenvolverá esta semana, ata o próximo 17 de outubro, unha nova campaña especial de vixilancia e control da seguridade viaria na provincia de Pontevedra. O obxectivo desta iniciativa serán os camións e os autobuses.

Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra realizarán inspeccións sobre os vehículos -autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade-, e sobre os condutores -permiso de condución, tempos de condución e descansos e alcol-.

Os controis faranse sobre todo tipo de autobuses e camións, independentemente do país no que estean matriculados, incidindo na vixilancia de aspectos tales como a velocidade á que circulan, as horas de condución e descanso, o tacógrafo ou o exceso de peso.

Tamén se revisarán defectos técnicos, a seguridade da carga transportada, a documentación do vehículo e do condutor, o uso do cinto de seguridade por parte do condutor e dos ocupantes, a condución baixo os efectos do alcol ou drogas ou a utilización do teléfono móbil.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, destacou que o transporte de mercadorías ten un peso "importante" na seguridade viaria. Son o segundo tipo de vehículos máis numeroso polas estradas (14% do total do parque) e están implicados no 16% dos accidentes con vítimas.

Os autobuses, pola súa banda, representan ao redor do 0,2% do total do parque automobilístico, estando implicados no 2% dos accidentes con vítimas.

Este dato, unido a un maior índice de letalidade no caso de accidentes con vehículos de máis de 3.500 quilos, é o que levou á Dirección Xeral de Tráfico a poñer en marcha esta nova campaña de vixilancia.