As escavacións e construción de muros na Peixeira obrigan a cortar o tráfico desde mañá. mércores 22. ata finais de febreiro, habilitándose rutas alternativas para veciños e servizos
O Concello de Sanxenxo anuncia este corte prolongado dun tramo da Avenida de Pontevedra debido ás obras de renaturalización e mellora da conexión entre A Peixeira e o campo de San Roque.
O peche, que se estenderá desde o 22 de xaneiro até o 28 de febreiro, vén motivado por razóns de seguridade ante posibles desprendementos durante os traballos de escavación e construción de muros.
A intervención, que afecta a unha superficie de 3.100 metros cadrados, forma parte do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030), cun financiamento do 80% por parte da Deputación.
Durante o período de obras, o Concello estableceu as seguintes medidas:
O tramo entre a rotonda da lonxa e o miradoiro da Peixeira quedará restrinxido exclusivamente para acceso a garaxes e vivendas
O goberno local anuncia que se habilitará un acceso alternativo pola Rúa Arturo Fontán, que cambiará o seu sentido a baixada
A saída manterase pola Rúa Ourense e a parada de autobús escolar trasladarase da Praza do Enxido á marquesiña da Rúa Areal, fronte ao mercado
O alcalde, Telmo Martín, visitou a zona para comprobar o avance das obras, centradas ata agora na construción de itinerarios peonís para garantir a accesibilidade ao campo de San Roque.
As obras incluirán medidas de seguridade específicas, como a separación de zonas de tránsito de operarios e maquinaria, que contará con sinalización acústica e luminosa.
