Tranquilidade: o polbo da praza de abastos non se foi, está a se limpar e regresará

Pontevedra
08 de decembro 2022

Onde está o polbo da praza? Ante as preguntas recorrentes da cidadanía, Yoya Blanco confirmou que o polbo está a se someter a un proceso de limpeza que xa se facía necesario porque, tras un ano no teito do mercado, o animal estaba manchado por gaivotas ou pombas. Logo regresará

Polbo da decoración de Nadal 2021 no mercado de abastos
Polbo da decoración de Nadal 2021 no mercado de abastos / Mónica Patxot

Onde está o polbo da praza? A instalación da nova decoración de Nadal do mercado municipal de Pontevedra, inaugurada o pasado luns, supuxo un cambio nas instalacións que nos últimos días está a xerar moitas dúbidas entre a cidadanía porque supuxo substituír o famoso polbo xigante que se instalou hai un ano e que xa se converteu nun elemento que a xente identifica co Gastroespazo. 

O polbo instalouse en decembro de 2021 como parte da decoración de Nadal daquel ano e volveuse tan popular que en xaneiro, pasadas as festas, a concellería de Promoción Económica decidiu deixalo de forma permanente, como un elemento máis da decoración do mercado. 

Este ano, no lugar que ocupaba ese polbo xigante no teito da entrada do edificio, instaláronse uns peixes de fantasía acordes coa nova decoración, retirándose o coñecido cefalópodo. 

Ante as preguntas recorrentes da cidadanía, e a preguntas de PontevedraViva, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, confirmou que o polbo non dixo adeus ao mercado, senón tan só un ata logo durante as festas. 

Así, aproveitouse a instalación da nova decoración para retiralo e realizar un proceso de limpeza que xa se facía necesario porque, tras un ano no teito do mercado, o animal estaba manchado pola acción de animais como gaivotas ou pombas. 

Unha vez que termine o proceso de limpeza e acaban estas festas, volverá instalarse e ocupará de novo o lugar no que a poboación xa o bota de menos