A "transformación radical" do barrio de Monte Porreiro superará os dez millóns de euros

Pontevedra
11 de febreiro 2025
Actualizado: 15:14

O Concello de Pontevedra pedirá fondos europeos para actuar en Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e no barrio da Parda

Barrio de Monte Porreiro
Barrio de Monte Porreiro / Mónica Patxot

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, compareceu este martes, 11 de febreiro, para informar dos proxectos que se presentarán para ser financiados con fondos europeos na convocatoria dos Plans EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local).

O Concello deberá presentar a solicitude antes do 28 de febreiro e así optar a uns fondos europeos (FEDER) que como máximo permitirían cofinanciar de até 20 millóns de euros. Doce millóns serían de aportación europea; e o restante, oito, serían de aportación municipal.

Pediranse cartos para actuar en Monte Porreiro, A Seca-Valdecorvos e no barrio da Parda.

O Concello elaborará distintos proxectos, aínda que isto non significa que poidan ser realizados todos.

A metade dos fondos que se solicitan, máis de 10 millones de euros, están destinados a Monte Porreiro para a renovación integral do campo de fútbol-rugby, a rehabilitación do Centro Sociocultural incorporando unha aula TIC, a creación dun novo pavillón de deportes "altamente eficiente en materia verde", e a rehabilitación integral e reforma urbana das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. "Porque esa rehabilitación integral nos incluiría a conexión de todos os equipamentos do barrio", indicou Raimundo González. Será unha "transformación radical", dixo.

Un segundo plan de actuación afectaría á cuberta do tren na Seca, que trataríase cos mesmos parámetros que na rúa 12 de noviembre, e na entrada do barrio faríase unha gran plaza de centralidade. En Valdecorvos inclúen actuacións nos espazos verdes e a creación de zonas inundables con elementos reguladores de enchentes. Aproximadamente un 20% do orzamento tería este obxectivo.

Outro 20% sería para o barrio da Parda, actuaríase entre os Xulgados e Otero Pedrayo, no futuro parque que se construirá neste espazo, que xa está licitado polo que é un "proxecto maduro que nos permitiría acadar a senda financeira no ano 2027" cumplindo cos requisitos que impón Europa.

En cuarto lugar concurriría a estas subvencións un plan de Administración Dixital Smart City, posto que os fondos obrigan que, cando menos, o 5% das contías teñan este fin.

Este martes reuníuse a comisión municipal que xestiona a tramitación dos fondos europeos na que a asistencia técnica informou destes proxectos que irían nesta solicitude.

O Concello de Pontevedra está a elaborar un Plan de Actuación Integrada para presentarse aos mesmos.

Raimundo González, concelleiro de Facenda
Raimundo González, concelleiro de FacendaConcello de Pontevedra

Segundo explicou o concelleiro de Facenda, nestes fondos europeos "non é como nos anteriores que metías obras soltas en función de unha serie de criterios" como eficiencia enerxética ou de rede verde, "este é un plan totalmente diferente" xa que as actuacións que poderán ser financiadas son aquelas realizadas nos barrios menos favorecidos desde o punto de vista económico "que teñan un nivel de renta inferior a media", permitindo achegar a estes barrios aos estándares de calidade urbana do resto da Boa Vila.

Outra diferencia é que no ano 2027 ten que estar o 20% da obra executada, motivo polo que o Concello de Pontevedra presenta "proxectos xa maduros e licitados".