A decisión do Concello de retirar o letreiro de 'Pontevedra' da praza de Ourense polo mal estado que presentaban debe ser unha oportunidade para "darlle unha voltiña ao deseño". Así o considera o PSOE local.
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, considera "necesario" buscar un novo deseño "máis acorde cos obxectivo pretendidos, que son os de achegar valor visual e converterse nun punto de referencia turístico no que pontevedreses e visitantes poidan sacar selfies e fotos bonitas".
Puentes recoñece que estas letras se converteron nun "innegable" elemento de promoción turística da cidade, a través das habituais instantáneas que os turistas soben ás súas redes sociais, pero sinala que as letras que había ata agora "non son precisamente demasiado funcionais".
O líder do PSOE insiste en que "co actual formato é preciso ser un fotógrafo bastante curtido para lograr introducir tódalas letras no plano da foto, coller unha 'postal' fermosa da paisaxe e que, ao mesmo tempo, as persoas fotografadas non aparezan demasiado lonxe, sobre todo cando se trata de grupos".
Ademais, na súa opinión, deberíase optar por repoñer as letras cun materiais máis acordes, "que reduzan a contaminación acústica, respecten un pouco máis a liña institucional do Concello de Pontevedra e melloren a seguridade nas diferentes interaccións, tanto para posar nas fotos como cando os nenos e nenas se acheguen para xogar".
Estes letreiros xigantes, para Puentes, poden integrarse "á perfección" na paisaxe urbana, pero no caso concreto de Pontevedra, "debemos adaptar o formato estético a un nome bastante longo e as características dos materiais ás dun elemento que funcione como mobiliario urbano".